É para min un feito significativo que esteas a ler estas verbas, que pretenden con humildade achegarte a Compromiso por Galicia.

Seguro de que ti tes o teu propio motivo para achegarte, ou cando menos para interesarte nun partido político. Dicirche que estás na túa casa se así o consideras.

Compromiso por Galicia non pretende ser un partido máis, tampouco pretendemos dar ningún tipo de lección e moito menos actuar con superioridade. CxG pretende ser unha ferramenta de construción de algo máis importante que a política, pretendemos ser o movemento que faga sentir ós galegos e galegas que pertencen a un País, un País con alma propia, un País que nace da Nosa Terra, Galicia.

Entendemos e defendemos unha Galicia con capacidades plenas no estado e tamén en Europa, un estado e unha Europa de países, sen teimas e liortas que de nada serven. Tampouco esquezamos a capacidade transformadora que ten a política, sempre que esta estea ao servizo do pobo e non ao servizo dos partidos.

Queremos unha Galicia na que a xente queira e poida vivir unha vida plena, unha Galicia de familias ledas e na que todos teñamos as mesmas oportunidades. Un camiño coa mesma velocidade para todos.

Un país coa maxia de Cunqueiro, o sentimento de Rosalía e a valentía de Castelao. O teu País é o noso Compromiso.

CANDIDATURA SAN CIBRAO DAS VIÑAS

ELECCIÓNS MUNICIPAIS 2019

 

Titulares

1. SARA CORRAL LOSADA

2. JOSÉ GALLEGO GUEDE

3. YURENA ESPERANZA MORALES NOVOA

4. MARÍA JOSÉ MÉNDEZ CARAMÉS

5. JOSÉ ANTONIO BOO PINTO

6. ROBERTO BOO PINTO

7. ALFREDO FÍRVIDA CORRAL

8. ROSA MARÍA MORENO RAMOS

9. SUSANA JIMENEZ MONTOYA

10. SANTIAGO MONTOYA MONTOYA

11. CASANDRA JIMENEZ DUVAL

12. EUDOSIA DEZA SOUTO

13. FRANCISCO CASTRO LORENZO

COMPROMISO POR GALICIA E UNHA FORZA POLÍTICA DE BASE PLURAL,

DE PROGRESO E CO CENTRO DE ACCIÓN POLÍTICA NAS PERSOAS.

Compromiso por Galicia séntese continuador das correntes políticas democráticas que con orixes e inspiracións diversas favoreceron o progreso económico en Europa e no mundo con altas cotas de igualdade, en plena sintonía coa liberdade individual e colectiva.

Correntes que van dende o socialismo democrático ao liberalismo progresista, o humanismo e os movementos de emancipación nacional, o sindicalismo, a igualdade entre os xéneros, o ecoloxismo, o pacifismo, os dereitos humanos e os dereitos dos pobos.

Defendemos un modelo económico e social no que o conxunto da sociedade teña acceso en condicións de igualdade a uns servizos básicos, universais, públicos e de calidade; onde os gobernos regulen os mercados (en particular os financeiros) e asuman un papel estabilizador a través dos orzamentos públicos, poñan límites ao crecemento económico dende unha perspectiva de sustentabilidade medioambiental, e fagan promoción das enerxías limpas e do aforro enerxético.

O modelo económico e social que propugnamos desde Compromiso por Galicia, orientado cara á sociedade do crecemento e a innovación, valorizará a iniciativa privada co obxectivo de producir riqueza. O apoio aos emprendedores, ás pequenas e medianas empresas, aos nosos produtores e exportadores, en definitiva, o apoio ao noso tecido industrial formará parte do noso compromiso. Este modelo enmárcase dentro da economía social de mercado, polo que xunto ao anterior, propugnamos ao mesmo tempo a responsabilidade e o respecto cos dereitos laborais, o territorio e o medio ambiente; e defendemos o sometemento da economía ao control por parte das institucións públicas, que impedirán a especulación e a depredación dos aforros, para poñer a economía ao servizo do progreso material e espiritual das persoas e non das entidades financeiras. Cremos que a sociedade no seu conxunto e os individuos en particular deben recuperar o seu protagonismo na actividade económica.

A afirmación e robustecemento do autogoberno de Galicia. A demanda das maiores niveis de poder político, fiscal, económico e financeiro, en definitiva de máis autogoberno, fúndase no convencemento de que este é sinónimo de máis benestar para o conxunto da cidadanía.

A defensa e extensión do estado de benestar, das conquistas sociais e dos dereitos laborais que caracterizan as sociedades democráticas máis avanzadas do planeta. O estado debe crear as condicións para o benestar, fundado nunha sólida cohesión social e na igualdade real de oportunidades para toda a cidadanía. Os piares do estado do benestar son un sistema educativo, unha sanidade e uns servizos sociais básicos de cobertura universal.

A rexeneración democrática, fundada nunha cultura civil máis madura e responsable, unha maior esixencia ética no desempeño dos cargos públicos e que implica proximidade, transparencia e control cidadán das institucións. A corrupción, o clientelismo, o favoritismo, ademais de seren radicalmente inxustos, danan seriamente o exercicio da democracia e constitúen gravísimos atrancos para o desenvolvemento económico. A cultura política que propugnamos fundarase no republicanismo: respecto polas leis, rectitude ética, responsabilidade individual, prioridade dos intereses colectivos, ánimo de colaboración, actitude construtiva e vontade participativa.

Compromiso por Galicia considera principios básicos da acción política:

  • A responsabilidade.

  • Un réxime estrito de incompatibilidades e a eliminación de privilexios para os cargos públicos.

  • A limitación de mandatos tanto nos partidos coma nas institucións o as listas abertas.

  • A celebración de eleccións primarias para a proclamación de candidatos/as ás alcaldías e á Presidencia da Xunta, abertas á participación de afiliados/as e simpatizantes.

  • Abrir as estruturas partidarias á cidadanía, mudar e innovar nas maneiras de participar nas decisións das organizacións políticas e apostar en definitiva pola rexeneración democrática na práctica política e institucional, en definitiva

OUTRO XEITO DE FACER POLÍTICA