PROGRAMA MARCO

MUNICIPAIS 2019

PROGRAMA MARCO MUNICIPAL

COMPROMISO POR GALICIA

ELECCIÓNS MUNICIPAIS 26 DE MAIO DE 2019

 

Compromiso por Galicia é unha forza política que ten como único eixo fundamental o País.  Este é o noso programa marco para as eleccións municipais de 26 de Maio de 2019. Atendendo sempre á autonomía das agrupacións locais do noso partido para desenvolver as mellores políticas para os seus veciños e veciñas, establecemos un marco programático para dar coherencia e continuidade ao proxecto galeguista en todo o País.

Este programa marco é unha base xeral na que vertebrar os programas e medidas políticas específicas para cada un dos concellos de Galicia e as deputacións provincias. Compromiso por Galicia é a forza galeguista necesaria para a construción de País desde os concellos por iso garantiremos o emprego da lingua galega en todas as actuacións públicas e administrativas das entidades locais e a defensa dos intereses dos galegos e galegas.

 

UN CONCELLO CREADOR DE RIQUEZA E EMPREGO.

Dentro do marco competencial fixado na lei de réxime local, os concellos poden ter importancia no desenvolvemento económico e na creación dun crecemento sustentable, tanto no social, como no medioambiental: no relativo á creación de planos de emprego municipais, apoio ao comercio local ou a axilización dos tramites necesarios para a apertura de novas empresas.

I.a) Impulso da busca de financiamento, tanto público como privado, para o desenvolvemento de novas ideas empresariais. Busca e acompañamento das solicitudes de axudas públicas, en coordinación coas Cámaras de Comercio e as administracións administracións locais: concello e deputación provincial.

I.b) Achega nos concellos rurais do financiamento público e privado necesario para un acceso a unha rede de internet rápida e eficaz.

I.c) Creación, onde non exista, dun PXOUM axustado ás novas realidades empresariais e de negocio derivadas dos novos sectores económicos: TIC´s, Turismo, Medioambiental,..

I.d) Establecer nos pliegos de contratación públicos unha preferencia para empresas con sede fiscal en Galicia mediante procesos públicos con garantía de publicidade, igualdade e mérito.

I.e) Garantir nas mesas de contratación de obras e servizos e nas de persoal a presenza de representantes das asociacións de veciños, asociacións empresariais e sindicatos garantindo a publicidade e a limpeza do procedemento.

I.f) Diversificación do tecido industrial a través do reforzamento dos mecanismos de apoio financeiro a través de ferramentas de capital risco adaptadas á conxuntura económica actual, con impulso das iniciativas empresariais científico-técnicas e procurando unha internalización da actividade económica a través de accións conxuntas coa deputación provincial.

I.g) Fomento e promoción desde o concello do e-Commerce no comercio tradicional axudando á modernización do sector.

UN CONCELLO DEFENSOR DA IGUALDADE E DO BENESTAR

A prestación de servizos públicos, atendimento a colectivos concretos apostando pola igualdade de xénero e contribuíndo no conxunto a mellorar a calidade de vida e do benestar das persoas.

II.a) Dar prioridade á atención ás persoas e familias sen recursos coordinando e colaborando con entidades de carácter social coma os bancos de tempo, bancos de alimentos,..

II.b) Axilizar as axudas de emerxencia dependentes do concello e da deputación provincial coa integración de equipo administrativo necesario e de asistentes sociais.

II.c) Procurar a cooperación e colaboración entre as administracións locais e os diversos colectivos e asociacións implicadas na atención e tratamento das persoas en risco de exclusión social.

II.d) Promover a participación activa das mulleres, mantendo o equilibrio entre sexos en todos os niveis de toma de decisións nas administracións locais.

II.e) Desenvolver un programa de prevención e tratamento da violencia de xénero destinado á conciencia social e á formación de profesionais da educación, servizos sociais, sanitarios, e corpos e forzas de seguranza do concello. O programa será elaborado a partir das demandas e necesidades detectadas por parte das usuarias dos dispositivos de igualdade así como da experiencia acumulada dos mesmos; e sempre tendo en conta os recursos e medidas dispoñibles dende o resto de administracións públicas

II.f) Elevando as políticas de igualdade de xénero, procuraremos a extensión polos distintos barrios e parroquias de aulas de defensa persoal deseñadas especificamente para mulleres e a súa autoprotección, actividades a realizar conxuntamente coa colaboración da concellería de seguridade cidadá e as distintas asociacións veciñais.

II.g) Fomentar e garantir o uso da linguaxe e imaxes inclusivas en calquera actividade realizada dende o Concello e a deputación provincial de xeito que mulleres e homes sempre teñan a mesma presenza.

II.h) Favorecer o espírito emprendedor e a actividade empresarial das mulleres, e consolidar a igualdade de trato e de oportunidades no ámbito laboral, apoiando medidas privadas e públicas que faciliten o acceso das mulleres a empregos de calidade e a súa estabilidade e desenvolvemento profesional. Para isto, propomos crear un plan de acción ao desenvolvemento profesional e económico das mulleres do rural, en colaboración co resto de administracións públicas.

II.i) Aprobación do Plan municipal de vivenda como función social e non como activo financeiro; establecemento de IBI reducido ou exento para vivendas sociais e ampliado para vivendas baleiras en propiedade de entidades bancarias. En colaboración coas universidades galegas, fomentaremos tamén a creación dunha bolsa de vivendas para estudantes universitarios con alugueiros baixos así coma o apoio á promoción de cooperativas de vivendas para persoas maiores e pisos compartidos con estudantes.

II.k) Creación dunha bolsa de alugueiros sociais en colaboración coas entidades bancarias que posúan vivendas baleiras no Concello. Ao tempo, apostamos pola creación nos distintos Concellos de unidades de apoio e asesoramento aos cidadáns, nos casos de desfiuzamentos.

II.l) Atención á discapacidade : accesibilidade (construcións, rúas), colaboración e coordinación con entidades de atención á persoas con discapacidades

II.m) Garantirase o cumprimento da taxa de persoas con discapacidade empregadas no concello e na deputación provincial. Promover o asociacionismo xuvenil para implicar a mocidade en distintas alternativas para o seu tempo libre.

II.n) Levar á práctica medidas que incentiven a continuidade da practica deportiva durante a adolescencia, sobre todo no sector feminino da sociedade, xa que existen condicionantes da socialización que actualmente inciden negativamente sobre a práctica deportiva nesas idades e que inciden moi especialmente coma unha cuestión de xénero.

II.o) Promoveremos todo tipo de iniciativas para achegar a cultura á cidadanía, en todas as súas formas e poñeremos en valor o dereito á participación cidadá na cultura.

II.p) Colaborar coas asociacións xuvenís en programas de emprego, información sexual, independencia familiar, etc. 

II.q) Estender programas de educación e información sobre as novas adiccións como o xogo On-line, a adicción ás novas tecnoloxías e redes sociais e programas de concienciación sobre o abuso e o consumo de drogas: tabaco, alcohol, cánnabis, cocaína, heroína, psicofármacos, etc. 

II.r) Realización de programas de avellentamento activo nas distintas parroquias.

II.s) Promoción dun voluntariado de maiores, que, de xeito activo, axude na organización de eventos ou actividades relevantes no concello.

II.t) Creación do programa “Inclúe Deporte”conxuntamente coas deputacións provinciais, para nenas e nenos en risco de exclusión social e/ou fillas e fillos de familias con escasos recursos económicos, achegando a estes sectores os valores positivos do deporte, incluíndo aos mesmos nas súas vidas cotiás.

II.u) Alongaremos, coa firma dos convenios necesarios coas distintas administracións competentes e os centros escolares, o horario de uso das instalacións dispoñibles nos centros escolares para o uso e goce da cidadanía, xa que son uns recursos infrautilizados debido ao seu uso nunha franxa horaria moi limitada, concreta e escasa, e que ben poden complementar a alta demanda de uso de instalacións deportivas municipais en certos horarios, sobre todo nas fins de semana

II.v) Dende Compromiso por Galicia, apostamos pola revitalización do rural mediante a posta en marcha de programas de mellora de infraestruturas, rehabilitación de inmobles, bolsas de vivenda para atraer novos poboadores e axudas ao emprendemento.

UNHA ADMINISTRACIÓN LOCAL EFICIENTE

En Compromiso por Galicia consideramos necesario pór en marcha unha política mais próxima ás necesidades da cidadanía para xestionar os recursos públicos, desterrando as prácticas de clientelismo e electoralistas. Neste sentido son mostra os investimentos en infraestruturas ou servizos innecesarios ou mal dimensionados, que non teñen un mínimo retorno social nin melloran en nada a calidade de vida da cidadanía, pero que teñen consumido infinidade de recursos públicos.

Unha das problemáticas é a duplicidade entre concellos e deputación de certas medidas e investimentos, para isto debemos procurar unha coordinación moito maior entre as diferentes administracións locais. A coordinación entre Concellos e Deputación provincial é unha das necesidades para facer das administracións locais entes mais eficientes e eficaces na xestións de recursos públicos. Para acadar estes obxectivos poremos especial empeño na nosa labor institucional nos concellos, para que:

III.a) Apostar por uns servizos á cidadanía áxiles, eficaces e eficientes evitando a perda de tempo de horas de espera na lonxa municipal.

III.b) Aprobar en tempo e forma tanto o proxecto de orzamentos coma as contas municipais.

III.c) Como norma xeral, xestionar os servizos municipais de xeito directo polos concellos ou a través de sociedades de economía mixta, en especial os que teñen que ver co tratamento do lixo, a xestión integral da auga e os servizos sociais. Polo tanto,para aqueles que na actualidade estean externalizados, no momento de acabar a súa concesión administrativa, farase unha adecuada avaliación técnica que estude o mantemento da concesión ou a mellora da calidade na prestación do servizo a un custo asumible directamente para o concello.

III.d) Pagar as facturas a entidades provedoras e prestadoras de servizos dentro dos límites establecidos pola lei.

III.e) Actualizar o Inventario do Patrimonio Municipal.

III.f) Realizar un Plan municipal de sostemento e redución de consumo enerxético, axeitando as instalacións municipais a criterios de eficiencia enerxética, tanto nos gastos de electricidade, calefaccións ou quecementos de augas, coma nos horarios de iluminación.

MOBILIDADE E SEGURIDADE

A necesidade de reducir o uso de vehículo privado é imprescindible dentro dunha política de transporte sostible. O transporte por estrada no Estado Español representa aproximadamente o consumo do 60% dos produtos derivados do petróleo, que, alén de supor unha factura anual de 45.000 millóns de euros, son responsables dunha gran parte da emisión de gases de efecto estufa. Ademais a intensidade do tráfico aumento o nivel de ruídos cos correspondentes efectos prexudiciais para a saúde  Aumentar a oferta dun transporte público de calidade, con frecuencias e horarios axeitados ás necesidades da cidadanía, permitirá retirar vehículos privados da rúa. É certo que, para conseguir un abandono ostensible do vehículo privado, tamén son necesarias outras medidas de mobilidade, así coma un deseño da cidade que achegue os servizos á cidadanía. Mais dispor dun bo sistema de transporte público é imprescindible, e pódese conseguir en pouco tempo, mentres que medidas de tipo urbanístico e de achegamento de servizos (ensino, saúde) requiren maiores prazos.

IV.a) O Estado Español é o único membro da UE que non ten unha Lei de Financiamento do Transporte Urbano e as súas achegas a este fin son exiguas. Polo tanto, Compromiso por Galicia, instará ao Goberno de España, ben a través da FEGAM, da FEMP ou polas vías que se considere máis oportunas, para que se faga esta Lei con dotacións orzamentarias que permitan dar un pulo importante a este medio de transporte.

IV.b) Impulsaremos desde o Concello a implantación do Cheque Transporte que ofrece beneficios fiscais a empresas e traballadores.

IV.c) Establecemento de liñas fixas nos desprazamentos mais comúns nas que o servizo de transporte sexa fornecido por taxis.

IV.d)  Promover o uso  e os desprazamentos compartidos en taxi, mediante ferramentas de xestión informática, establecendo rutas e horarios para facilitar os desprazamentos dos usuarios.

IV.e) Fomentaremos as eco-pistas que rodean as parroquias da nosa contorna como vías históricas de conexión entre os diversos núcleos de poboación: sendeiros de pequeno e grande percorrido accesibles unicamente para peóns e bicicletas mediante a súa adecuación para este tipo de tráfico e cunha sinalización e marcaxe de puntos de interese a nivel histórico-artístico e medioambiental; conectadas co transporte urbano, sobre todo nos tramos de cabeceira e de fin.

IV.f) Levaremos adiante o programa Domingos sen coches, limitando espazos urbanos a actividades na rúa para peóns e ciclistas.

A prevención de catástrofes e a necesidade de dispor de plans de emerxencia e dotacións adecuadas para facerlles fronte ten que ser unha preocupación de calquera Administración. Nese senso, facemos as seguintes propostas programáticas:

IV.g) Creación dun programa de incremento do cadro de persoal nos próximos anos que permita chegar á dotación ideal de bombeiros nun prazo razoable de tempo nos concellos que dispoñan deste servizo e nos dependentes das deputacións provinciais.

IV.h) Potenciaremos o Servizo de Protección Civil.

IV.i) Revisión e actualización do Plan de Emerxencias Municipal (PEMU), naqueles concellos nos que exista e creación do mesmo naqueles nos que non exista.