Estimados vecin@s:

 

Din un paso adiante para participar na vida política neste concello. Creo na capacidade transformadora da acción política e participei de forma activa no rexeitamento da privatización da xestión do servizo da auga e da planta de incineración de neumáticos.                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                     

Vivimos nun concello que sufriu unha forte decadencia nos últimos 28 anos, 16 dos cales foron gobernados polo PP e os últimos doce anos polo PSOE. Ambos  partidos gozaron de maiorías absolutas que lles permitían desenvolver a acción política necesaria para servir ao interese xeral.

Pero utilizaron a confianza que o pobo lles outorgou para servir aos seus intereses particulares: Adxudicacións de obras da Deputación, consecución de postos de libre designación, e promoción de familiares e amigos tanto na vida política como na vida laboral. Estes son os logros de PP e PSOE nos últimos 28 anos.

Enfrontámonos a unha problemática que causou un forte impacto, máis forte que no resto de Galicia: O despoboamento do noso termo municipal. En 1988 contabamos con 5025 habitantes, e a data de hoxe contamos con 2767 veciños. Máis aló da descompensación entre o número de nacementos con respecto ao número de falecementos, está o feito de que carecemos dun PXOM, e perdemos servizos públicos e privados o que convida aos nosos moz@s a empadroarse en municipios que si prestan estes servizos.

Son necesarias medidas estruturais para paliar os drásticos efectos desta problemática.

CANDIDATURA MASIDE

ELECCIONS MUNICIPAIS 2019

 

Antonio Manuel Iglesias Fernández

José Manuel González Álvarez

María Jesús Valeiras Álvarez

Edelmo Álvarez Canitrot

Iván González Covela

Soraya Gómez Borja

Germán Abal Casas

Francisco Manuel Da Silva Freitas

José Antonio Arias Siota

Sara Sánchez Nieto

Débora Martín San Juan

Programa 

A incerteza en canto á evolución económica e do mercado de traballo, que se unirá á perda de poboación drástica se non tomamos medidas desde o minuto un, non pode ser resolta con ocorrencias de última hora que non veñen reflectidas no programa: tales como a privatización da xestión da auga ou unha instalación de incineración de neumáticos.

 

Propoñemos un programa que dinamice a sociedade masidá no seu conxunto.

 

DINAMIZACIÓN DE SERVIZOS PÚBLICOS:

  • Remunicipalizaremos o servizo de recadación, o que permitirá que cremos catro postos de traballo locais, e redundará nunha xestión máis eficaz dos ingresos, o que á súa vez permitirá unha redución de taxas e impostos (na actualidade déixanse prescribir centos de miles de euros de ingresos propios que prescriben). Aquí pagan xustos por pecadores, o que se deixa de ingresar por xente que non paga, págano os que si pagan mediante incrementos. 
  • Crearemos unha incubadora de empresas na antiga Casa Sindical. Todas aquelas empresas e autónomos que inicien a súa actividade contarán cun espazo con acceso a internet, teléfono, e unha sala de reunións. Brindaráselles apoio eficaz en canto a trámites coas institucións e subvencións públicas.
  • Crearemos nos próximos catro anos un Centro de Día para maiores e un Servizo de Gardería. Para nós son moi importantes os nosos maiores e os nosos pequenos. Crearemos ambos os servizos para que as familias poidan conciliar a vida familiar e laboral.
  • Recuperaremos o Servizo de Orientación Laboral e o Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local. Os dous últimos mandatos ignoráronse estes servizos, de vital importancia para enfrontarnos á incerteza laboral e económica.
  • Crearemos unha Biblioteca Municipal, con libros, sala de informática e acceso a internet, na que impartiremos cursos para que os nosos maiores pérdanlle o respecto ás novas tecnoloxías.
  • Melloraremos a sección de Servizos Sociais, que deixará de ser unha área ao servizo da política para pasar a ser un servizo que preste cobertura a todos por igual. 

DINAMIZACIÓN URBANÍSTICA, EMPRESARIAL E SECTORIAL:

Este será un bloque de vital importancia para o futuro do noso municipio. Tanto PP como PSOE probablemente léveno no seu programa, pero xa acreditaron unha manifesta incapacidade ou neglixencia e desidia para levalo a cabo nos últimos 28 anos. 

  • Elaboración dun PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal). Existen intereses particulares que non serven ao interese xeral para que a día de hoxe non contemos con esta norma de vital importancia para o dinamismo e ordenación urbanística.
  • Ampliación do Polígono Industrial do Carballiño polo territorio de Maside, único espazo que queda para crecer, aproveitando as sinerxias das empresas e as instalacións xa existentes, e a localización estratéxica así como as excelentes comunicacións das cales goza. Maside ten chan público suficiente para que sexa unha realidade. Pero non nos conformaremos con iso. Unha vez que facilitemos as condicións para que as empresas poidan situarse no noso chan, iremos buscalas para expoñerlle as vantaxes de establecerse aquí. Así mesmo facilitaremos chan para que grandes áreas comerciais poidan situarse no noso territorio facilitando oportunidades de emprego, sen descoidar ao pequeno comerciante que ademais de xerar postos de traballo, presta un servizo de proximidade que apreciamos e dinamizaremos desde o Concello, pois é o máis afectado pola perda de poboación.
  • Erradicación do chabolismo e recolocación en condicións dignas de salubridade e hixiene. É unha problemática sobre a que non chega con falsas promesas nin con visitar á Valedora do Pobo. Hai que exercer a acción política xa, e facelo en colaboración co Carballiño. A desidia e a neglixencia sobre esta problemática é desoladora.

DINAMIZACIÓN E CONSERVACIÓN DOS NOSOS RECURSOS NATURAIS E PAISAXÍSTICOS:

Fomentar a instalación dunha planta de incineración de neumáticos nun monte veciñal en man común, ademais dun disparate xurídico que o fai absolutamente inviable, é fiel reflexo da nula sensibilidade dos nosos gobernantes cun dos maiores

valores cos que contamos: a nosa riqueza paisaxística e ambiental. Conservarémolos e potenciarémolos, para o que:

  • Poñeremos en valor as augas termais da Rañoa, melloraremos as súas instalacións e incorporaremos a Maside no Programa Termal Provincial. Así mesmo erradicaremos o vertedoiro municipal situado no Costado.
  • Protexeremos outro dos emblemas do noso concello: O Puzo do Lago. Castigadísimo pola especulación e a absoluta desidia a pesar de ser un Espazo Natural de Interese Local. A conservación desta xoia é caótica. Crearemos un observatorio de aves e incorporaremos a Maside na Rede Natura 2000 para poñer en valor o coñecemento, amor e respecto á biodiversidade da nosa flora e fauna. 

DINAMIZACIÓN SOCIOCULTURAL E DEPORTIVA DE MASIDE.

A “primavera cultural” debe ser algo máis que unha primavera electoral. Non é suficiente con maquillar ao final de doce anos unha xestión nefasta sobre esta materia. Erradicaremos o caciquismo sen concesións que se desenvolve no ámbito do asociacionismo, e promoveremos as accións para potenciar a área sociocultural e deportiva en igualdade para todos.

  1. Crearemos un Rexistro Municipal de Asociacións tal e como manda a Lei Reguladora das Bases do Réxime Local.
  2. Publicaremos con transparencia as subvencións concedidas a todas as asociacións inscritas no Rexistro municipal. Voltaremos a apoiar e potenciaremos a Festa do Cabalo.
  3. Faremos unha xestión moderna e eficaz das posibilidades que nos ofrece a Casa da Cultura.
  4. Apoiaremos por igual a todas as entidades deportivas.
  5. Crearemos unha escola municipal de fútbol, área na que temos unha carencia unha vez desaparecidas as categorías inferiores do Maside FC.
  6. Melloraremos e conservaremos as nosas instalacións deportivas.

ACCIÓN POLÍTICA:

Serviremos con obxectividade aos intereses xerais de Maside mostrando absoluta lealdade con este concello, as súas xentes e a súa riqueza. Así mesmo teremos unha especial sensibilidade coas problemáticas particulares de cada persoa. Cremos que a historia dun masidao é a historia de Maside, e por iso crearemos a figura do Valedor/a do Concello.

Será unha figura allea á política, elixida en consenso por todas as forzas políticas, e que recollerá as queixas e suxestións individuais dos masidaos que así o desexen. Dará conta en Pleno do rexistro de queixas e recomendacións, para ser moi tidas en conta por toda a Corporación local.

Unha forte aperta, Antonio Iglesias.

Coa túa Confianza seremos a túa Voz.