O vindeiro 26 de maio celebraranse as eleccións municipais para escoller a alcaldía e os concelleiros e concelleiras que gobernarán A Baña. Atopámonos, polo tanto, ante un importante procedemento electoral que vai decidir o futuro do noso Concello os vindeiros catro anos.

Nas pasadas eleccións municipais do 2015, os veciños e veciñas da Baña decidiron que Compromiso por Galicia tivera representación na Corporación Municipal.

Nos últimos catro anos compaxinei o meu labor como concelleiro da Corporación coa miña vida profesional como mestre no ensino público. A presenza de Compromiso por Galicia na Corporación Municipal supuxo un axente fiscalizador continuo e unha forma de facer política diferente á que estabamos acostumados. Penso que o traballo realizado neste tempo é notorio. O noso grupo, aínda tendo un só concelleiro e sen contar co apoio de ninguén na Corporación foi o partido que máis propostas defendeu nos plenos ademais de achegar a política municipal a toda a veciñanza e de supoñer unha forma diferente, actual, transparente e participativa de facer política.

Estou plenamente convencido de que todos e todas podemos vivir na Baña moito mellor, con mellores servizos, nun medio máis dinámico, con máis iniciativas culturais, deportivas, e sobre todo con mais traballo e máis posibilidades.

Contamos cun grupo de traballo inmellorable, homes e mulleres formados, comprometidos, con gañas de traballar por e para A Baña e que supoñen un cambio xeracional imprescindible no goberno do noso concello. O cambio é necesario e a representación de CxG neste cambio é máis que importante, imprescindible.

Queremos poñer o noso traballo ao voso servizo, queremos cambiar A Baña, facer un lugar mais moderno e con máis oportunidades, queremos que A Baña sexa gobernada por xente de aquí, ninguén que veña de fóra vai coñecer mellor que nós as nosas necesidades e a nosa forma de vida. O cumprimento do prometido no 2015 e o traballo constante é o noso mellor aval.

Se o vindeiro 26 de maio me dades a vosa confianza comprométome a loitar e traballar todos os días pola Baña, para que dese xeito poidamos lograr o gran pobo con futuro que todos e todas desexamos.

ESTE É O MEU COMPROMISO.

CANDIDATURA A BAÑA

ELECCIONS MUNICIPAIS 2019

 

  1. CÉSAR RAMOS DOMÍNGUEZ
  2. DAVID GONTÁN VARELA
  3. OTILIA GÜIMIL VIGO
  4. ROCÍO GARCÍA GERPE
  5. ÁNGEL CASTRO SILVA
  6. LORENA TRILLO LÓPEZ
  7. ÁLVARO ANTELO SANTOS
  8. ANABEL PEREIRA MATA
  9. JOSE MANUEL NIETO BLANCO
  10. MARÍA TERESA NOYA TORREIRA
  11. SERGIO PAZOS PÉREZ

Suplentes

  1. NEREA VÁZQUEZ CAMPOS
  2. ELOY MANTEIGA PENSADO
  3. CAROLINA LUEIRO ROMARÍS
  4. PABLO RIVEIRO FORJÁN
  5. MARCOS VIEITO MÍGUEZ
  6. MARÍA JARDÓN CAMPOS
  7. BRUNO ESPERANTE PARAMOS
  8. JOSÉ MANUEL SUÁREZ MAYO
  9. ALBERTA RAMOS ALMOZARA
  10. ANTONIO FERRÍN AMARELLE

Programa 

  1. UN NOVO XEITO DE GOBERNAR
  • Establecemento como principio básico ineludible que o primeiro son as persoas e, polo tanto, a cobertura das súas necesidades é prioritaria fronte á construción de novos equipamentos e servizos.
  • Obrigados a defender o establecido neste programa electoral. Así mesmo de acatar as decisións tomadas polos mecanismos de representación e participación da cidadanía.
  • Redución do salario do alcalde a un máximo de 2.000 euros como salario neto mensual. Entendendo que esta retribución garanta unhas condicións dignas para exercer as responsabilidades e funcións que supoñen o cargo asumido.

 

  1. AS CONTAS CLARAS E FINANZAS ÉTICAS
  • Creación de espazos asembleares abertos á participación da veciñanza para o debate tanto a nivel parroquial como a nivel municipal nos cales participarán os cargos electos da corporación municipal e os colectivos municipais.
  • Transparencia na nosa xestión, publicando desagregados todos os datos referentes aos ingresos e gastos, que xestionarán de xeito social e solidario.
  • Publicación das axendas dos representantes electos, visibilizando con quen se reúnen de forma diaria e os temas que se tratan. O traballo dos representantes públicos debe ser coñecido pola veciñanza.
  • Aposta clara por unha limitación drástica do gasto na campaña electoral e regulación e ordenación da pegada de carteis.

 

  1. ACCIÓN ECONÓMICA. INICIATIVAS E PLAN DE EMPREGO
    • Constitución dunha cooperativa hortofrutícola desde o concello con pequenos agricultores da Baña, poñendo en valor o produto natural e da terra. Fomento e asesoramento municipal para a creación e potenciación do cooperativismo agrario.
    • Elaboración dun plan estratéxico para a promoción e atracción de empresas. Estudo e planificación dun proxecto de viveiro de empresas no mal chamado “Polígono Industrial”. Revisión do PXOM para tratar de adaptalo ás necesidades reais de toda a veciñanza.
    • Participar no plan de aluguer de vivendas baleiras da FEGAMP. Ofertar o aluguer e a venda de casas e pisos a prezos de mercado de todos aqueles bañenses/as que así o desexen
    • Creación dun proxecto para a rehabilitación de edificios históricos e de importancia patrimonial no Concello.
    • Aposta decidida pola promoción da Ruta do Camiño de Santiago a Muxía que pasa pola Baña e a Vía Mariana e creación dun albergue municipal de peregrinos para favorecer a posta en valor destas rutas.
    • Acondicionamento das rutas de sendeirismo xa existentes no municipio. Sinalización axeitada e homologación das mesmas. Promoción das rutas temáticas elaboradas polo alumnado do CPI de S. Vicente, creación dunha nova ruta de sendeirismo a carón do río Barcala e creación da Ruta dos Muíños.
    • Estudo da creación de obradoiros de emprego nunha área de coñecemento ligado á actividade profesional do sector primario e da atención a persoas maiores.
    • Difusión e posta en valor da historia da Baña, dando a coñecer a nosa historia local e a celebración de efemérides importantes, así mesmo homenaxe ás persoas ilustres do noso Concello.

 

 

  1. DINAMIZACIÓN E MELLORA DA CALIDADE DE VIDA
    • Rexeneración das asociacións esmorecidas do Concello. Recuperación da Escola de Teatro “Berenguela”, os “Campamentos Val de Barcala” e o equipo de fútbol con categorías inferiores e fútbol feminino.
    • Plan de limpeza organizado e anual de todas as nosas vías de comunicación, núcleos rurais e rúas sen exclusión.
    • Creación dun salón de actos municipal para que se poidan realizar eventos culturais de calidade, obras de teatro, presentación de libros, actividades infantís ou concertos.
    • Mellora e acondicionamento das pistas deportivas, pavillóns e campos de fútbol. Propoñemos achegar á cidadanía todos os espazos deportivos do Concello a través dun programa de dinamización das instalacións deportivas. Asegurar que todas as parroquias teñas espazos deportivos ou recreativos para a práctica de exercicio físico.
    • Creación dun Programa de Envellecemento Activo por parroquias. Utilizando os locais sociais e o centro dos maiores durante todo o ano con actividades para traballar de forma periódica a actividade física, a memoria, obradoiros de aprendizaxe e de alfabetización dixital.
    • Creación do servizo de transporte adaptado para normalizar as condicións de vida e facilitar a integración social das persoas maiores ou que presenten dificultades de mobilidade.
    • Valoración de crear unhas instalacións de ximnasio e/ou hidroterapia para goce da veciñanza en especial as persoas maiores do noso Concello.
    • Dotación en todas as instalacións deportivas municipais de desfibriladores externos semiautomáticos (DESA).
    • Mellora da seguridade viaria nas estradas do Concello e das marquesiñas de transporte.
    • Servizos á terceira idade, mellora da calidade de vida dos nosos maiores. Ampliación dos servizos municipais no ámbito lúdico, excursións, salóns de baile, concursos…
    • Creación dun gabinete de psicoloxía municipal que traballe en coordinación cos centros educativos, servizos sociais municipais, centro dos maiores e Centro de Saúde.
    • Mellora da rede de saneamento, sumidoiros e da iluminación nas aldeas.
    • Esixencia ás empresas de telecomunicación dunha mellora nos servizos de internet, televisión e telefonía móbil para que os nosos veciños e veciñas teñan calidade na prestación destes servizos.